Descrición
A máis pequena dos ránidos galegos, estilizada e con patas posteriores moi longas. Fociño aguzado e espazo entre órbitas oculares moi ancho. Os ollos son grandes e saltóns, cunha pupila ovoide e horizontal. Lingua moi libre e fendida. No dorso ten, a ambos os lados, dous cordóns glandulares que van paralelos e sempre afastados desde a parte posterior do ollo ata o inicio das patas posteriores.
As patas anteriores teñen 4 dedos e as posteriores 5, con palmeaduras ben desenvolvidas. Pel lisa ou pouco granulosa, de cor parda, ocre ou vermella no dorso e branca ou rosada na zona ventral. Poden chegar a medir 30-53 mm de lonxitude e conseguir un peso de 3-18 g, sendo as femias sempre maiores que os machos.
Reprodución
A época de celo comeza na fin do outono e remata no comezo da primavera. O amplexus é axilar e adoita ter lugar de noite. As postas son globosas, compactas e pouco dispersas, pequenas e con poucos ovos (192-445), de cor escura. Realízana na vexetación acuática, entre pedras ou no fondo de charcos.
Alimentación
A súa dieta baséase en invertebrados, especialmente artrópodos, como arañas, escaravellos, caracois, cempés e larvas de insectos. En catividade acepta todo tipo de invertebrados e tamén pequenos anacos de carne ou peixe.
Hábitat
Moi ligado á auga. Presente en regatos de augas rápidas e frías, con moita vexetación nas marxes sombrías. Pódense encontrar facilmente nas charcas e charcos que quedan ao lado dos ríos baixo abeleiras e freixos.
Distribución
Ocupa toda a nosa xeografía, aínda que é menos frecuente nas depresións ourensás. Esténdese desde o nivel do mar ata os 1450 m de altitude.
Estado de conservación
Trátase dun interesante endemismo do noroeste ibérico. En Galicia presenta os maiores efectivos, polo que se podería afirmar que é a ra galega por excelencia. É moi sensible á contaminación, ás alteracións dos seus hábitats, especialmente á desaparición dos bosques de ribeira dos nosos ríos a causa de canalizacións e outras obras civís.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (34 Kb)
