Descrición
Pequeno, coa cabeza máis longa que ancha. Ollos saltóns, laterais, co iris dourado atravesado por unha liña negra a ambos os lados da pupila. As patas son pouco fortes e teñen unha cola comprimida lateralmente. Pel lisa cando están na auga; en fase terrestre, algo rugosa. Os machos poden conseguir os 75 mm de lonxitude e as femias, máis grandes, os 90 mm.
A súa cor varía segundo o sexo, a época de muda ou o celo. Neste último caso teñen unha cor castaña clara ou oliva, con manchas negras dispostas de maneira irregular. Entre os costados e o ventre aparece unha banda branca que nas femias vai desde a comisura bucal ata a cloaca; nos machos, continúa ata o extremo da cola. Na época de muda en terra, a pel é case negra. A zona ventral é alaranxada ou vermella durante todo o ano.
Reprodución
O celo abarca todo o inverno e comezos da primavera. O cortexo implica toda unha serie de movementos da cola e do corpo por parte do macho. As femias depositan de 100 a 250 ovos desde xaneiro ata xuño, fixados un a un ás plantas acuáticas.
Alimentación
Os adultos comen invertebrados acuáticos (larvas de dípteros, escaravellos, vermes), ás veces incluso as súas propias larvas ou as doutras especies de anfibios. Cando están en catividade, aceptan anacos de carne e peixe.
Hábitat
Ocupan unha gran variedade de masas de auga, aínda que prefiren as de pequeno e mediano tamaño, sen vexetación somerxida. Aguanta augas moi contaminadas con residuos orgánicos e aceites. Na fase terrestre, aparece en calquera sitio.
Estado de conservación
Especie moi abundante e frecuente en toda a nosa xeografía, adáptase moi ben a toda modificación realizada no medio e coloniza zonas novas que aparezan por mor da actividade humana.
Categoría de conservación
As poboacións residentes nas illas Ons, Sálvora e Arousa están catalogadas como vulnerables.

Ficha (27 Kb)
