Descrición
Trátase do máis pequeno da familia dos paíños europeos, pois ten un tamaño menor que unha andoriña. Completamente negro, excepto no sobrecú, onde aparece unha extensa área de cor branca. Ás bastante curtas, pouco aguzadas, cunha ancha liña branca na parte inferior. Patas e cola tamén moi curtas.
A súa conduta é moi significativa, pois semellan andar pola superficie do mar, pairando suavemente mentres procuran o seu alimento.
Reprodución
Conseguen a madurez sexual aos 4-5 anos, construíndo o niño en galerías ou tobos en illas, illotes e acantilados costeiros a comezos do verán. As colonias adoitan ser moi ruidosas. Incuban un único ovo ambos os pais. Os polos abandonan o niño dous meses despois de eclosionar.
Alimentación
Come, sobre todo, peixes pequenos, plancto e mesmo refugos graxentos botados desde barcos.
Hábitat
Esencialmente mariño, só acode á terra nas épocas de cría ou cando resulta empuxado cara á costa por fortes tormentas.
Distribución
No país cría en certas illas, illotes e acantilados costeiros repartidos por toda a franxa atlántica e cantábrica.
Estado de conservación
A ameaza máis forte e directa sobre a poboación de paíño pequeno é a predación que exercen as ratas na época de cría. Tamén hai que destacar a presión humana en forma de turismo ou destrución de hábitats preferentes.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (25 Kb)
