Descrición
Morcego de tamaño medio que pode alcanzar os 58 mm de envergadura total, sumando corpo e ás abertas. O seu pelo dorsal é pardo, algo cincento; o ventral, entre branco sucio e amarelo. A cor do pataxio (membrana alar) e orellas é agrisada. A protuberancia nasal en forma de ferradura é bastante aguzada, especialmente vista de perfil.É unha especie gregaria, que forma colonias de non máis de 200-300 individuos. Refúxianse en diferentes lugares para a cría e a hibernación.
Reprodución
Unha vez pasados dous anos, as femias alcanzan a madurez sexual, e os apareamentos teñen lugar ao longo do outono e incluso en inverno. A xestación do novo individuo coincide co inicio da primavera e os nacementos suceden nas primeiras semanas do verán. O desenvolvemento das crías é moi rápido, pois xa comezan a voar a partir das 4 ou 5 semanas de idade.
Conforman colonias integradas na súa maioría por femias e algúns machos. As femias presentan dúas mamas pectorais coas que aleitan a súa cría mentres permanecen colgadas nos seus lugares de repouso.
Hábitat
Ocupa fundamentalmente fondos de vales, e sempre en zonas con abundante vexetación boscosa ligadas a claros amplos onde voar ao axexo das súas presas. É, sobre todo, cavernícola, tanto para a cría como para a hibernación.
Alimentación
A súa dieta está formada basicamente por lepidópteros (bolboretas nocturnas), coleópteros (escaravellos) e himenópteros (abellas, avespas...). Caza as súas presas mentres voa en paralelo ás marxes dos bosques, localizándoas co seu sistema de radar.
Distribución
As nosas escasas poboacións persisten nos fondos vales do curso medio do río Miño, na provincia de Ourense.
Estado de conservación
Os nosos efectivos vense moi afectados polas perturbacións nos refuxios, sobre todo en época de cría, así como pola perda e degradación do hábitat. Destaca a diminución da diversidade de presas dispoñibles derivada do uso de pesticidas agrícolas e forestais inespecíficos.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (31 Kb)
