Descrición
Semellante ao resto do seu grupo, aínda que é máis esvelto e cun fociño máis delgado. Alcanza unha envergadura de 400 mm. Presenta tamén unha mancha branca no pelo da fronte. As orellas son estreitas, con 5 ou 6 pregamentos horizontais e cun trago estreito na base case a metade de longo que a orella.
Reprodución
Forma parideiras, grandes colonias de cría que poden reunir milleiros de femias, a finais de marzo, con partos dunha soa cría entre abril e xuño, e que se disgregan a finais de agosto. As femias alcanzan a súa madurez sexual aos dous anos. En sete ou oito semanas os novos xa voan fóra do refuxio, e son independentes a mediados de agosto.
Hábitat
É unha especie típica de estepas e pradarías que se estendeu usando de forma secundaria os prados de sega e pasteiros artificiais. Utiliza como refuxios cavidades subterráneas (minas e covas) e, en menor medida, faiados e sobrados.
Alimentación
Non se coñece moi ben, pero crese que consome ortópteros (saltóns) e coleópteros (escaravellos).
Distribución
A única referencia a esta especie no noso territorio está localizada na provincia de Ourense, no límite con Castela e León.
Estado de conservación
Especialmente sensible ás molestias nos seus lugares de refuxio ou cría.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (28 Kb)
