Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Morcego de orellas de rato grande (Myotis myotis)

Descrición

É o máis grande dos morcegos do seu grupo xenérico de Europa, e pode chegar a medir 450 mm de envergadura. As femias son algo maiores que os machos. Pelo curto e denso, de base escura, con dorso castaño ou pardo agrisado e ventre case branco. Pel arroibada. Fociño ancho e con avultamentos glandulares. Orellas grandes, arredondadas, con 9 ou 10 pregamentos horizontais. O trago é longo e delgado.

Reprodución

As femias alcanzan a súa madurez sexual aos dous anos. Forman parideiras, colonias que poden reunir milleiros de femias, a finais de marzo, con partos dunha soa cría entre abril e xuño. En sete ou oito semanas os novos xa voan fóra do refuxio, e son independentes a mediados de agosto.

Hábitat

Prefire bosques maduros abertos e pasteiros arborados. Busca refuxios en cavidades subterráneas, faiados, alpendres e sobrados.

Alimantación

Dieta baseada en insectos non voadores, que caza con voo lento a 30-70 cm sobre solos nus ou pasteiros curtos, evitando herbais densos. Tras localizar a presa, captúraa coa boca, sen pousarse.

Distribución

No noso territorio aparecen pequenas poboacións illadas moi localizadas na provincia de Ourense no seu extremo occidental e unha residual no sur da provincia da Coruña.

Estado de conservación

As principais ameazas detectadas derivan da destrución ou inutilización de refuxios e as molestias ocasionadas por visitas durante a época de cría ou de hibernación.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (30 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS