Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Morcego de bigotes (Myotis mystacina)

Descrición

Rostro, orellas e membranas alares de cor castaña escura. A orella estendida cara adiante supera lixeiramente o extremo do fociño e presenta un suco marcado do que sobresae un trago aguzado e algo maior que a metade da orella. Membranas alares estreitas que se insiren na base do dedo máis externo do pé. Pelo longo, algo encrespado, coa base negra e puntas máis claras. Dorso castaño-dourado e rexión ventral que varía de crema pálida a abrancazada.

Reprodución

A xestación dura de 50 a 60 días, as colonias de cría establécense en maio e exclúense os machos. Os partos prodúcense a mediados de xuño (unha cría por femia), e a finais de agosto os novos xa abandonaron a colonia. O celo ten lugar en outono, aínda que pode haber cópulas durante o inverno. As femias pódense aparear no seu primeiro ano de vida.

Hábitat

Especie eminentemente forestal, localízase en zonas montañosas densamente forestadas, sobre todo en bosques de frondosas, aínda que aparece tamén en parques e zonas urbanas. No verán refúxiase principalmente en ocos de árbores, pero tamén en caixas niño, ocos de edificios, pontes e, máis raramente, en covas. En inverno utiliza minas, túneles, covas e sotos de baixa temperatura (2-8 ºC) e elevada humidade.

Alimentación

Non existen datos concretos na península Ibérica sobre a súa dieta, pero parece consistir en dípteros, lepidópteros, tricópteros, hemípteros, himenópteros e arácnidos.

Distribución

Moi localizado nunha zona limítrofe entre Pontevedra e Ourense, nos montes do Testeiro.

Estado de conservación

Especie moi sensible á destrución das masas forestais das que depende. Vese afectada tamén por perturbacións nas zonas de refuxio ou de cría.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (32 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS