Descrición
Presenta un tamaño medio, destacando o tamaño das súas orellas anchas e longas. O bordo externo da orella presenta nove pregamentos transversais. Ten un apéndice nas orellas, chamado trago, longo e en forma de lanceta. O pelo é abundante, coa base parda escura e de cor gris clara a parte ventral.
Reprodución
O apareamento ten lugar do outono á primavera. Os refuxios de reprodución son ocupados entre finais de abril e comezos de maio. O período de cría comeza a finais de xuño ou principios de xullo. Pare unha soa cría. Os novos empezan a voar a principios ou mediados de agosto.
Hábitat
Está presente tanto en medios forestais de bosques caducifolios como de coníferas. Busca refuxio en minas, simas e covas.
Alimentación
A súa dieta baséase en bolboretas nocturnas, escaravellos e outros insectos.
Distribución
A escasa presenza desta especie no país redúcese a unha poboación residente nos montes do Testeiro, no límite entre as provincias de Pontevedra e Ourense.
Estado de conservación
As principais ameazas para a especie son a desaparición de bosques frondosos e extensos onde alimentarse, ben por sobreexplotación forestal ou por incendios, e a corta de árbores de gran porte, pois é unha especie estritamente forestal. Tamén se ve prexudicada polas modificacións feitas en covas e minas.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (28 Kb)
