Descrición
É un morcego de mediano tamaño, cun fociño moi curto, perfil achatado e fronte alta e protuberante. As orellas son pequenas e triangulares, cun trago curto, arredondado e proxectado cara a dentro. As ás son longas e estreitas, coa segunda falanxe do terceiro dedo moi longa, tres veces a lonxitude da primeira. Pelo curto e denso, de cor parda cincenta no dorso e máis pálido na zona ventral, con pelos máis escuros na súa metade basal.
Reprodución
As femias alcanzan a madurez sexual aos dous anos e tras o apareamento, que ten lugar a principios do outono, prodúcese a fecundación. O blastocito detén o seu desenvolvemento e non se implanta ata despois da hibernación, o que fai desta a única especie de morcego europeo que presenta implantación diferida. As colonias de cría están compostas fundamentalmente por femias que mostran un comportamento filopátrico moi acusado, volvendo ano tras ano a criar ás colonias onde naceron. Os partos son dunha soa cría e suceden entre finais de xuño e comezos de xullo, polo que o período de xestación se prolonga de 9 a 10 meses. Entre os 60 e 70 días complétase o desenvolvemento das crías, aínda que aos 40 días do nacemento poden observarse os primeiros novos capaces de voar.
Hábitat
Especie tipicamente cavernícola, que se refuxia case exclusivamente en cavidades naturais, minas e túneles. En ocasións, especialmente en inverno ou en primavera, exemplares illados ou pequenos grupos de individuos poden ocupar refuxios atípicos para a especie como ocos de rochas, vivendas ou pontes.
Alimentación
Descoñécese cal pode ser a súa dieta base, aínda que seguramente está composta por varios tipos de insectos. Caza en espazos abertos ou por enriba da vexetación. Estas áreas de caza poden estar a varias decenas de quilómetros dos seus refuxios.
Distribución
Localizado no noso territorio no centro da provincia de Ourense.
Estado de conservación
Moi afectada polas molestias nos refuxios. Coñécense casos de desaparición de colonias en cavidades explotadas turisticamente. É moi sensible aos peches dos refuxios mediante reixas, utilizadas a miúdo para protexer o patrimonio arqueolóxico ou para a seguridade das persoas.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (30 Kb)
