Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Lamprea (Poboación do Cantábrico e Arco Ártabro) (Petromizon marinus)

Descrición

As lampreas son fósiles viventes, peixes primitivos cun esqueleto cartilaxinoso. Esta especie carece de mandíbula (agnados) e de aletas pares. O seu corpo ten forma cilíndrica, carece de escamas, é xelatinoso e moi esvaradío; pode acadar os 190 mm. A coloración é amarelada, apardazada ou agrisada. A súa boca posúe uns dentes córneos que se moven independentemente e os seus labios actúan como unha ventosa para fixarse ás súas presas, ás que parasita.

Existe dimorfismo sexual, sendo máis esvelto o macho, que presenta, a diferenza da femia, unha papila xenitourinaria que se proxecta cara a fóra da cloaca e un disco bocal de maiores dimensións.

Reprodución

A posta ten lugar a finais de primavera; os frezadeiros sitúanse en arroios de correntes claras e de pouca profundidade (3-30 cm), cun substrato constituído por area ou grava. Tanto os machos como as femias utilizan a boca suctora para desprazar pedras e escavar un niño pouco profundo no que a femia deposita os ovos. Isto ocorre unha vez na vida das lampreas e, despois de desovar, os adultos morren. As larvas saen do ovo ás dúas ou tres semanas e son arrastradas corrente abaixo, afundindo verticalmente no lodo cando encontran un lugar adecuado. As larvas son morfoloxicamente diferentes aos individuos adultos. Son cegas, carecen de dentes e teñen un mecanismo de alimentación distinto. Permanecen no lodo, polo menos, catro anos; despois sofren unha metamorfose para orixinar as formas adultas, que se dirixen ao seu hábitat mariño onde parasitarán quenllas, salmóns, bacallaus e mamíferos mariños.

Alimentación

Cando parasitan animais fíxanse a eles a través da súa boca suctora, esgazando cos seus dentes a pel para chupar o sangue do que se alimenta. Para aumentar o fluxo de sangre, as lampreas inxectan un anticoagulante. Cando a lamprea se saciou, solta a súa presa sen matala e busca outra.

Hábitat

Nace no río, onde permanece durante 4-5 anos en estado larvario, ata que se converte en adulto e descende ao mar, onde vivirá parasitando peixes ata chegar á madurez sexual, momento no cal realizará unha viaxe migratoria cara ao río, remontándoo para desovar. Polo xeral, encóntrase en ríos con flutuacións moderadas de profundidade e corrente. A estrutura do leito do río é moi importante, posto que a maior parte do tempo se atopa sobre este.

Distribución

A lamprea de mar é unha especie que vive nas costas do Atlántico norte, desde os países escandinavos ata Italia, sur de Francia e as illas británicas.

Estado de conservación

Presenta problemas pola destrución dos seus frezadeiros, debido entre outras cousas á canalización do seu hábitat e á contaminación agrícola, urbana e industrial.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (27 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS