Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Lagartixa serrana (Poboacións baixa altitude A Coruña/montaña de Ourense) (Iberolacerta monticola)

Descrición

Aspecto robusto, corpo ancho e cabeza, extremidades e cola ben desenvolvidas. Pode chegar a medir 150-160 mm, e pesar uns 10 g. O deseño dorsal consta xeralmente dunha serie de manchas negras irregulares ao longo da liña vertebral sobre unha ampla banda dorsal de cor castaña, ocre ou grisenta. Nos machos, esa banda vertebral ten cor verde.

Os flancos teñen un intenso reticulado negro nos machos e unha banda castaña con certas mancha negras nas femias. A cor ventral é verde esmeralda nos machos, con abondosas manchas negras. Non teñen manchas na gorxa.

Reprodución

As poboacións costeiras teñen o periodo de celo a comezos da primavera; as poboacións do interior, algo máis tarde. O apareamento é idéntico ao descrito para outras lagartixas: o macho suxeita a femia cunha mordedura na zona ventral que deixa pegadas ben visíbeis e duradeiras. As posturas acontecen no verán, e constan de 4 a 10 ovos colocados baixo pedras en pequenas galerías.

Alimentación

Fundamentalmente, insectos (escarabellos, formigas, bolboretas, larvas...) e arañas. Captúraos baixo as fendas das rochas, entre as pedras e a vexetación.

Hábitat

Utiliza sempre rochas como lugar preferente. As poboacións costeiras ocupan um máis ampla gama de medios, desde cantís mariños até muros de casas; as poboacións de montaña, en noiros e afloramentos rochosos de abas con matogueira.

Distribución

Trátase dun endemismo ibérico con poboacións discontinuas. En Galicia as poboacións costeiras teñen unha distribución residual, con núcleos moi dispersos e mesmo aillados, que desaparecen na provincia de Pontevedra, e en Ourense só se atopa por riba dos 1400 m.

Estado de conservación

Bastante rara e localizada. Só as poboacións de certas serras luguesas teñen efectivos numerosos. As poboacións costeiras teñen un enorme interese bioxeográfico e están circunscritas a hábitats concretos e moi ameazados, como é a franxa litoral e os escasos bosques caducifolios.

Categoría de conservación

As poboacións do Illote de San Paio, en Lugo; as poboacións do Monte Pindo, río Mandeo, río Lambre, contorno do Mosteiro de Sobrado, serras do Invernadeiro e Pena Trevinca están catalogadas como vulnerables.

Ficha (30 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS