Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Lagartixa das brañas (Lacerta vivipara)

Descrición

Corpo pequeno e alongado, cilíndrico. Cabeza curta e elevada, roma e pequena. Patas tamén curtas. A lonxitude total nos adultos pode chegar aos 65 mm, contando a cola (as femias son máis grnades que os machos). A cola presenta o borde aserrado.

A cor do dorso é castaña escura ou grisenta. Ten unha liña negra vertebral ben marcada e continua. Peresenta liñas claras na parte lateral do dorso, de ton amarelado, adornadas xeralmente con puntos negros.

Reprodución

É a única especie vivípara, mais as poboacións galegas son ovíparas. O celo prodúcese ben entrada a primavera. A cópula prodúcese mantendo o macho suxeita a femia mediante un mordisco nas costas preto da súa extremidade posterior. Os ovos póñense no verán, formando unha especie de paquete.

Alimentación

Na súa dieta existe unha gran variedade de pequenos invertebrados, sobre todo arañas, gasterópodos e pequenos insectos.

Hábitat

Trátase dunha especie restrinxida a zonas moi húmidas e frías da alta montaña, como brañas e turbeiras situadas por riba dos 1000 m. Ocupa solos permanentemente húmidos con vexetación dominada por Sphagnum, zonas de mato formadas por exemplares pequenos de Erica, etc. Nunca se afastan da auga.

Distribución

Moi rara en Galicia, só se coñecen pequenas poboacións nas serras do Xistral e Ancares. Na nosa terra ten o seu limite suroccidental de distribución.

Estado de conservación

Os últimos exemplares que aínda sobreviven en Galicia, illados en altos cumios das máis frías serras, son unha reliquia do período glacial. As súas poboacións están tan localizadas e son tan sumamente raras que calquera modificación no seu hábitat pode ter consecuencias catastróficas. A apertura de pistas e camiños no altos das serras e, sobre todo, a instalacións de parques eólicos nos cumios desas serras poden acabar cos poucos lugares que aínda lles son propicios.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (30 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS