Descrición
Tamaño dunha pomba. O macho adulto ten as partes superiores escuras, cunhas contrastadas manchas de cor crema na parte superior das ás. A femia é igual, mais coas partes superiores de cor parda. Os inmaturos son moi semellantes ás femias, coa plumaxe totalmente acastañada e moi listada. Bico en forma de lanza, moi afiado.
Moi tímida, agóchase entre as canas e carrizos estirando o pescozo verticalmente. É activa sobre todo durante o atardecer, aínda que en época de celo e de cría tamén se pode ver durante o día.
Reprodución
A mediados de xuño constrúe o niño entre a vexetación da ribeira, ao lado da auga, onde incuba 5-6 ovos brancos. Normalmente, fai unha posta ao ano.
Alimentación
Sobre todo, insectos. Tamén peixes pequenos, anfibios, moluscos e outros invertebrados.
Hábitat
Todo tipo de augas de curso lento, e normalmente as zonas con vexetación densa nas marxes (onde dominen os carrizos, espadanas e canas), e bosques de ribeira.
Distribución
Cría en zonas moi localizadas no noso territorio. Poucos efectivos, case todos presentes de abril a setembro.
Estado de conservación
É difícil de coñecer o seu estatus real pola complexidade dos seus censos. Basicamente a especie presenta problemas pola alteración dos seus hábitats preferentes de cría.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (28 Kb)
