Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Estroza (Hyla arborea)

Descrición

Anfibio de pequeno talle, de ata 5 cm. O seu corpo é ovalado, con cabeza ancha e ollos grandes con destacados iris de cor dourada. Facilmente recoñecibles pola súa intensa cor verde brillante, aínda que é capaz de cambiar a súa cor do verde ata o pardo. Presenta extremidades esveltas e dedos provistos de ventosas grazas ás cales gabea facilmente pola vexetación.

Reprodución

O período reprodutor iníciase en primavera en lugares de auga doce e con abundante vexetación. O apareamento ten lugar cando o macho consegue atraer unha femia co seu canto, inchando para isto un saco vocal durante a noite. En realidade, a femia deposita paquetes de ata un millar de ovos, os cales son fecundados externamente polo macho. A cópula ten lugar mediante amplexus axilar (os machos agárranse firmemente ao lombo das femias nun forte abrazo polas axilas destas).

Alimentación

A súa dieta está composta de grilos, moscas e mosquitos, bolboretas, formigas, libélulas e eirugas. Pasa a maior parte da súa vida empolicada en follas e ramas á caza destes pequenos invertebrados.

Hábitat

Habita invariablemente en lugares húmidos, onde abunda a vexetación herbácea e arbustiva ás marxes de charcas, lagoas ou ríos de correntes lentas.

Distribución

Ao igual que ocorre coas poboacións europeas, a especie sofre en toda España unha continuada regresión e en poucas ocasións detéctanse poboacións abundantes. Distribúese en Galicia en zonas húmidas con abundante vexetación.

Estado de conservación

As principais ameazas residen na destrución e desecamento dos medios acuáticos que require para a reprodución, agravado todo isto pola súa querenza a tipos moi concretos de hábitats. Os pesticidas alteran a metamorfose afectando a viabilidade das larvas.

Categoría de conservación

Vulnerábel.

Ficha (35 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS