Descrición
Corpo cilíndrico e moi alongado que pode acadar os 30 cm de lonxitude. Teñen a cabeza pequena cun pescozo pouco definido, fuciño romo e abertura timpánica pouco definida. Pel bastante ríxida de coloración variable, de gris ou ocre até castaño, coas partes inferiores máis escuras. Nas femias destácase unha gran banda dorsal de cor ocre moi clara, ás veces cunha liña vertebral negra; os machos son máis uniformes na coloración.
Reprodución
O celo iníciase na fin do inverno e os aperamentos acontecen na primavera. Durante a cópula os machos morden as femias detrás da cabeza , no pescozo ou na parte anterior do corpo, deixándolle sinais a xeito de escoriacións.
É unha especie ovovivípara, polo que as femias paren crías xa formadas, normalmente entre 6 e 11.
Alimentación
As presas máis importantes e habituais son as larvas de insectos, os gasterópodos (sobre todo, lesmas), arácnidos e coleópteros. A maioría destas presas son de movimentos lentos, ideais para o escáncer, que tamén ten unha conduta lenta e pausada.
Hábitat
Ten preferencia por lugares húmidos e sombríos. Precisa cobertura vexetal abondosa, preferentemente herbácea con mato ou arbustos esparexidos. Evita as zonas completamente despexadas. Gusta especialmente dos pardos de sega ou de dente con lindeiros de silvas ou fentos, e das veigas próximas a brañas e lagoas. Refúxiase baixo pedras, arbustos, troncos ou mesmo galerías de micromamíferos.
Distribución
Aparece en todo o país, desde o nivel do mar até os 1600 m de altitude nas serras.
Estado de conservación
Moi común en toda a nosa xeografía, só escasea nas zonas máis secas. Padece os ataques das xentes por mor da súa semellanza coas cobras e tamén sofre os efectos devastadores dos incendios forestais.
Categoría de conservación
As poboacións residentes das illas Cíes, Ons, Sálvora e Sisargas están catalogadas como vulnerables.

Ficha (30 Kb)
