Descrición
De tamaño medio, cando é adulto ten a plumaxe enteiramente negra con certos matices verdes brillantes. Ollo con iris de cor esmeralda. En época nupcial desenvolve unha pequena crista erguida cara adiante. Bico longo e afiado, curvado na punta a xeito dun gancho. Patas negras. Os inmaturos son de cor parda escura, con partes ventrais máis claras.
Cando nada, faino coa cabeza alta, mirando cara arriba, e dá un pequeno salto antes de se somerxer. Despois de mergullarse, ten que deixar as súas ás abertas para que o sol e o vento as sequen.
Reprodución
Son monógamos e constrúen un niño rudimentario con materia vexetal e refugos en repisas de buratos e ocos de illas e acantilados costeiros. Incuban de 2 a 4 ovos de cor azulada durante un mes ambos os dous proxenitores.
Alimentación
A súa dieta baséase en peixes de pequeno e medio tamaño e invertebrados mariños.
Hábitat
Prefire as zonas de costa rochosa, con illas e buratos onde repousar formando pequenas colonias.
Distribución
Repartida por toda a nosa costa, tanto en acantilados como illas e illotes. No Parque Nacional das Illas Atlánticas está concentrada a colonia máis grande de Europa.
Estado de conservación
A súa principal ameaza reside na elevada mortaldade por capturas accidentais en artes de pesca e, sobre todo, nas mareas negras e os vertidos de combustibles desde todo tipo de embarcacións.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (26 Kb)
