Descrición
Serpe de pequeno tamaño, de corpo esvelto e groso, sobre todo nas femias adultas. A cabeza, ben diferenciada do corpo, é ancha por detrás e máis estreita por diante, rematando nun fuciño romo. Ollos pequenos e orificios nasais moi elevados, o que resulta ser unha adaptación perfecta para a vida acuática, pois pasa moito tempo mergullada.
Acada lonxitudes de máis de medio metro, e a cor dorsal e dos costados é moi variable: tons cinsentos, verdosos ou mouros, ás veces tirando a vermello. O deseño dorsal ten un ziguezague aparente, invisible nos exemplares escuros. A zona ventral é de cor tamén bastante variable, aínda que en xeral é de cor branca sucia ou amarela.
O iris adoita ser amarelo ou alaranxado, circundado de negro nos dous terzos inferiores.
Reprodución
Danse dous períodos de celo, un primaveral e outro outonal. As posturas prodúcense entre os meses de maio e xullo. Os ovos son depositados en lugares húmidos e quentes, baixo pedras, na follaxe ou en galerías de micromamíferos.
Alimentación
Basea a súa dieta en anfibios, peixes e invertebrados. Caza mediante a técnica do axexo, mergullada, agardando a que algunha presa se lle poña a tiro. Se a presa é grande, sácaa da auga e engúlea en terra.
Hábitat
Moi ligada aos medios acuáticos, na zona norte aparece sobre todo en grandes zonas húmidas (encoros, lagoas...). tamén poden aparecer en zonas de augas salobres, como marismas, esteiros e mesmo pozas na baixamar.
Distribución
Ausente no extremo norte das provincias da Coruña e Lugo, é máis abondosa no centro e sur de Galicia. Tamén existen poboacións insulares nas Rías Baixas. Pode aparecer nas serras interiores, mais sempre por baixo dos 1200 m.
Estado de conservación
A súa actitude defensiva semellante ao comportamento dunha víbora lévalle a sufrir unha persecución enorme por parte do ser humano. Alén diso, padece tamén a contaminación dos ríos, a destrución dos leitos fluviais, a desecación de lagoas e a canalización de moitos cursos de auga.
Categoría de conservación
As poboacións residentes nas illas de Arousa, Cíes e Ons están catalogadas como vulnerables.

Ficha (31 Kb)
