Descrición
Ave de tamaño semellante a unha pomba, ten as partes superiores pardas e arroibadas con raias de cor castaña e crema. As partes ventrais son claras, con barras transversais escuras. Tres bandas escuras no lateral da cabeza, unha delas por detrás do ollo. Os ollos están moi retrasados e bastante levantados. Bico moi longo e cola moi curta. Sobrecú de cor arroibada.
Reprodución
Fai o seu niño ao pé dunha árbore, case sempre entre fieitos. Incuban 4 ovos agrisados con manchas arroibadas. Os polos andan nada máis saír do ovo e poden voar ás 3 semanas. Poden poñer dúas postas.
Alimentación
Come, fundamentalmente, miñocas, moluscos, insectos e algo de materia vexetal.
Hábitat
Ten preferencia por bosques de folla caduca ben conservados, aínda que tamén aparece en piñeirais e en zonas de marismas e estuarios.
Distribución
As poboacións nidificantes no noso país son case inexistentes e están reducidas nas zonas do leste de Lugo (Os Ancares-O Courel). En inverno achéganse bastantes exemplares para fuxir das vagas de frío.
Estado de conservación
Moi ameazada pola destrución dos seus hábitats preferentes para cría e alimentación e a elevada presión cinexética.
Categoría de conservación
Vulnerábel.

Ficha (39 Kb)
