Descrición
Caracterízase polo seu gran tamaño, cabeza ancha e maciza, na que destacan unhas orellas pequenas. Posúe unha cola curta, extremidades tamén curtas e fortes e ombreiros prominentes. Os machos, máis grandes e pesados que as femias, poden chegar a pesar 250 kg e medir preto de 2 m de lonxitude. As mans e os pés están provistos de cinco dedos con uñas longas. A súa maneira de camiñar é idéntica á nosa, é dicir, é un animal plantígrado, pois apoia toda a planta do pé e das mans cando camiña. A cor do pelo varía desde o amarelo pálido ata o pardo escuro, contrastando a maioría das veces as cores de cabeza, pescozo e extremidades. As crías adoitan presentar un colar claro do que poden quedar sinais nos adultos.
Reprodución
Son polígamos, o que pode orixinar paternidade múltiple nunha camada. O celo abarca de abril a xullo. A xestación efectiva é de seis a oito semanas. O parto, dunha a catro crías, ten lugar na oseira, arredor de xaneiro, onde os osiños pasan os tres ou catro primeiros meses de vida, pois pesan ao nacer entre 265 e 380 g. As femias en Europa coidan das crías un ano e medio (o grupo de irmáns pode seguir unido un ano máis); poden parir cada dous anos e ser sexualmente activas desde os tres anos e medio ata a fin da súa vida.
Alimentación
Falamos dun animal omnívoro, cuxa dieta está composta principalmente de vexetais, especialmente landras, castañas, abelás, noces, bagas, tubérculos... O resto da dieta é complementada con carne en descomposición de ungulados silvestres (corzos, cervos...), insectos (formigas e abellas), mel, cogomelos, aves e ovos.
Hábitat
Necesitan grandes extensións de superficie de campeo, que xeralmente están conformadas por mosaicos de bosque caducifolio (faias, carballos, abeleiras, bidueiros...), mesturado con pradarías, pasteiros, matogueiras de breixos, piornos e carrascos. Necesitan tamén zonas onde abunden os rochedos e os penedos.
Distribución
Mamífero cunha área de distribución en Europa principalmente no leste do continente, presenta poboacións reducidas e illadas nalgúns países occidentais (Francia, Italia e España). En Galicia distribúese exclusivamente nas serras orientais, que parecen recibir ocasionalmente exemplares do principal núcleo poboacional da cordilleira Cantábrica.
Estado de conservación
As principais ameazas de conservación para a especie en Galicia son a morte directa (lazos, veleno, furtivismo, etc.) e a alteración do hábitat (lumes, construción de infraestruturas, etc.). Galicia conta cun Plan de Recuperación do Oso desde o ano 1992 (Decreto 148/1992, do 5 de xuño; DOG 114, 16/06/1992) que trata de asegurar avances no hábitat dispoñible para a especie na nosa comunidade e a supervivencia dos exemplares que se acheguen a Galicia.
Categoría de conservación
En perigo de extinción.

Ficha (34 Kb)
