Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Furabuchos balear (Puffinus mauretanicus)

Descrición

De tamaño medio-grande, caracterízase por ter as partes dorsais de cor escura pardoagrisada e as partes ventrais máis claras, de tonalidades ocres. Posúen unha mancha escura no pescozo. Son escuras tamén as axilas e a zona arredor da cloaca. As patas sobresaen un pouco por detrás da cola.

A súa conduta en bando é moi significativa, pois sempre hai individuos que se levantan dun bando para pousar a uns centos de metros do anterior, e así de maneira sucesiva.

Reprodución

Aniña en tobos e covachas en terreos próximos ao mar, en illas ou illotes. Non escava buratos nin aproveita os tobos dos coellos. Forma colonias relativamente pequenas durante o período de cría, que abarca de marzo ata xuño.

Alimentación

Come, sobre todo, peixes pequenos e refugos graxentos botados desde barcos.

Hábitat

Esencialmente mariña, só acode á terra nas épocas de cría. En outono e en inverno vólvese máis costeira e máis gregaria.

Distribución

Especie endémica do arquipélago balear, única localidade mundial onde se reproduce e que conta cunha poboación aproximada de 2000 parellas. Durante o verán e o outono, numerosos exemplares migran fronte ás costas galegas, ben para permanecer varios meses nelas o ben durante os desprazamentos a cuarteis estivais no golfo de Biscaia. Permanecen continuamente no mar, alimentándose fundamentalmente de pequenos pescados peláxicos ou ben descansando, pero nunca sobre terra firme.

No país é frecuente observala nas súas viaxes migratorias nos meses de maio-novembro por desprazamentos posnupciais ou de regreso ás colonias de cría.

Estado de conservación

A ameaza máis forte e directa sobre a poboación desta especie é a predación que exercen as ratas e gatos na época de cría. Tamén hai que destacar a presión humana en forma de turismo ou destrución de hábitats preferentes.

Varios centos de exemplares aproxímanse cada ano ás costas galegas, onde as principais ameazas de conservación son a mortalidade accidental en artes de pesca (fundamentalmente palangres) e a contaminación mariña (en especial, os vertidos de hidrocarburos).

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Ficha (27 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS