Medio Rural
Escoitar arquivo de voz Pdf Imprimir

Avefría (Poboación nidificante) (Vanellus vanellus)

Descrición

De tamaño semellante ao dunha pomba, destaca por ter as partes superiores de cor negra, con matices metálicos verdes e violetas; tamén por ter de cor negra a parte superior da cabeza, o peito, a garganta, liña ocular e unha banda subterminal na cola. Presenta, en troques, a punta das ás, o ventre e o sobrecú de cor branca. Porén, en época nupcial é característica diferencial unha crista bastante longa no macho e algo máis curta na femia.

Cando voa resaltan moito as ás arredondadas, que baten con bastante cadencia, con zonas escuras e brancas ben contrastadas.

Reprodución

Constrúe o seu niño en depresións presentes no chan, sempre en zonas abertas. En febreiro comeza o celo, e en maio xa están a incubar 4 ovos verde-crema moi apencados. Os polos abandonan o niño nada máis nacer e xa poden voar ás 5 semanas.

Especie migradora, presenta núcleos principais de reprodución na zona central da península Ibérica. En Galicia cría principalmente na comarca da Limia e en certas localidades da Terra Chá, sen que a poboación nidificante exceda das 30 parellas.

Alimentación

A súa dieta está baseada en insectos, vermes, moluscos, arañas e plantas.

Hábitat

Prefire zonas chás e abertas, como as pradarías, os estuarios, as marismas e as brañas e gándaras.

Distribución

As poboacións nidificantes do noso país están circunscritas a dúas localidades ben separadas entre si (Terra Chá, en Lugo, e A Limia, en Ourense). En inverno, en épocas de intenso frío, chegan á nosa terra moitos exemplares en migración.

Estado de conservación

Selecciona prados húmidos, cultivos e barbeitos, en xeral asociados a zonas inundables, polo que a destrución de hábitat por desecamento de lagoas supón un factor moi importante de ameaza. A intensificación agrícola tamén ameaza os hábitats de nidificación, e a caza durante o período invernal, a pesar de afectarlles principalmente a exemplares migradores, ten unhas consecuencias descoñecidas sobre a poboación sedentaria que sería conveniente analizar.

Categoría de conservación

En perigo de extinción.

Ficha (30 Kb)


© Copyright. Consellería do Medio Rural e do Mar. Xunta de Galicia. Todos os dereitos reservados. Aviso Legal
RSS