Produto protexido
O patrimonio etnográfico de Galicia conserva testemuñas da importancia da apicultura no noso territorio. É o caso de construcións tradicionais como as alvarizas ou colmeas como os trobos e cortizos. O produto alimenticio máis importante da apicultura galega é o mel, amparado pola I.X.P. Mel de Galicia.
Este mel procede de colmeas mobilistas e obtense por decantación ou centrifugación. O mel preséntase ao consumidor en estado líquido ou sólido (cristalizado ou cremoso) conservando tódalas súas propiedades naturais.
Orixe
A zona de produción, elaboración e envasado do mel amparado pola Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia abrangue todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Características
O mel é un produto intimamente ligado ao territorio no que se obtén, polo que segundo a súa orixe botánica o mel de Galicia pode clasificarse en:
Mel multifloral: posúe dende cores claras ata cores escuras. O sabor varía no grao de persistencia e intensidade sempre con matices florais ou afroitados.
Mel monofloral de castiñeiro: de cor ámbar escuro, pode presentar tons vermellos. Xeralmente son meles líquidos, con cristalización moi retardada, olor malteado e gusto intenso e persistente con lixeiras notas salgadas.
Mel monofloral de eucalipto: de cor ámbar, aromas céreos e sabor lixeiramente acedo e pouco persistente.
Mel monofloral de silva: de cor ámbar a ámbar escuro, sabor fortemente afroitado, marcadamente doce e aroma a froita.
Mel monofloral de queiroga: cor ámbar escuro ou escuro con tons vermellos, sabor lixeiramente amargo, intenso e persistente e aroma floral tamén persistente.
Regulamentación
Datos técnicos
Rexistros a 31 de decembro de 2007:
Apicultores: 410
Colmeas: 30.952
Envasadores: 38
Volume de actividade no ano 2007:
Produción certificada: 303.990 kg
Valor económico estimado (ao apicultor): 1.094.000 €

Ficha técnica 2010 (13 kb)
Presidente: María Esther Ordóñez Dios
Pazo de Quián s/n
15881 Sergude, Boqueixón
A Coruña
Tel.: 981 511 913
Fax: 981 511 913
E-mail: ![]()
Web: www.meldegalicia.org
