
Dende a Consellería do Medio Rural e do Mar considérase prioritario apoiar os procesos de transformación e de comercialización de produtos agrarios e, en particular, aqueles que garanten un beneficio directo aos produtores de base galega. Neste sentido, avógase pola modernización das industrias agroalimentarias xa existentes para favorecer a calidade e o valor engadido das producións.
Medio Rural apoia os investimentos na mellora da comercialización dos produtos agrarios e a participación do sector produtor na transformación e na distribución. Emprende accións de fomento das denominacións de calidade co fin de protexer estes produtos e, mediante controis rigorosos, garantir a súa orixe xeográfica e a súa singularidade.
As industrias de transformación, de distribución e de comercialización de produtos agrarios son precisas para viabilizar e outorgarlle un valor engadido ás producións agrarias, que necesitan optimizar o acceso aos mercados para garantir a súa viabilidade económica e social, co fin de favorecer a pervivencia e consolidación do tecido económico, ademais de fomentar a creación de emprego directo.
A promoción cooperativa e social, mediante estruturas asociativas de importancia no agro galego, favorece a prestación de servizos técnicos, económicos e sociais ás explotacións, ademais de garantirlles rendas dignas aos produtores socios coa venda dos seus produtos e coa participación no seu valor engadido se hai transformación industrial e distribución. Isto favorece a viabilidade das explotacións agrarias e a mellora da calidade de vida dos produtores e das súas familias, porque se crea emprego e se fixa poboación na zona, o que contribúe ao desenvolvemento rural.

