Seguros agrícolas e gandeiros

Os seguros agrarios son unha eficaz ferramenta de protección dos agricultores e gandeiros contra as adversidades meteorolóxicas e outros fenómenos alleos ao seu control que poidan causar perdas nas súas explotacións.

A Consellería do Medio Rural e do Mar subvenciona a través dos orzamentos da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria a contratación de seguros agrarios, axuda que engadida á que proporciona o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación mediante a Entidade estatal de Seguros Agrarios (ENESA) supón un nivel de financiamento que nalgúns casos acada o oitenta por cento do custe neto das pólizas.

Para axilizar o pagamento destas subvencións, as entidades aseguradoras integradas na Agrupación Española de Seguros Agrarios Combinados (Agroseguro), descontan no momento da contratación da póliza o importe da subvención que en cada caso corresponda e que logo liquidan coas administracións públicas.

Convocatoria 2010 (110 Kb) - Orde do 22 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da contratación dos seguros agrarios na Comunidade Autónoma de Galicia.

Plan de seguros agrarios 2010 (1.524 Kb)

Producións e riscos asegurables

Dentro dos seguros agrícolas destacan pola súa importancia no volume de contratación os seguros para viticultura, cereais, cultivos protexidos e outros, aínda que a meirande parte das producións agrícolas galegas dispoñen dun seguro (kiwi, amorodo, tomate, faba verde, feixón, cebola e outras).