O sector fitosanitario está inmerso nun complexo proceso de inclusións e exclusións das materias activas, e é por iso que, co fin de facilitar o acceso a esta información -altamente demandada polos agricultores que son os usuarios últimos-, se decidiu poñela a disposición dos usuarios.
Os praguicidas de uso fitosanitario (ou produtos fitosanitarios) que se vaian usar en todo o Estado Español e tal e como recolle a Reglamentación Técnico Sanitaria para la Fabricación, Comercialización y Utilización de Plaguicidas que foi aprobada polo Real Decreto 3349/1983, só poderán fabricarse e/ou comercializarse se están inscritos no Rexistro Oficial de Produtos e Material Fitosanitario. Esta obriga tamén aparece recollida na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de Sanidade Vexetal no seu artigo 29.
Máis adiante publicouse a Directiva 91/414/CEE, relativa á comercialización de produtos fitosanitarios no ámbito da Unión Europea, tentando unha unificación das lexislacións sobre os produtos fitosanitarios e as súas materias activas, polo que a Directiva no seu Anexo I establece un listado de materias activas que se poden usar nos formulados dos produtos fitosanitarios. Estas substancias activas están sometidas a un programa de revisión que determina a súa inclusión ou exclusión no Anexo I. As substancias activas que non cumpren os requisitos no proceso de revisión son excluídas da lista comunitaria e non se poderán comercializar nos formulados de produtos fitosanitarios.
A transposición ao ordenamento xurídico español da Directiva 91/414/CEE fíxose a través do Real Decreto 2163/1994, polo que se implanta o sistema harmonizado comunitario de autorización para comercializar e usar os produtos fitosanitarios. Esta norma foi logo modificada por diversas ordes do MAPA.
De xeito periódico o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación elabora un listado orientativo cos derradeiros cambios nas substancias activas que se pode consultar aquí en formato pdf.
Substancias activas (194 Kb) de produtos fitosanitarios aceptadas, excluídas e en revisión comunitaria a 19 de xullo de 2011.

