A produción ecolóxica galega ten a oportunidade de desenvolver as súas potencialidades nun momento no que se comeza a recoñecer o papel que as mulleres e homes do rural xogan no mantemento e preservación dun medio do que se beneficia o conxunto da poboación.
Así, as directrices da Política Agraria Común avanzan no sentido de consideraren o fomento produtivo como intimamente ligado ao desenvolvemento sustentábel e ao respecto ao medio ambiente, integrando as medidas de desenvolvemento rural conxuntamente coas de sostén aos prezos e mercados.
O Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica de Galicia, que ten suposto un grande esforzo de coordinación e participación do conxunto do sector, nace como consecuencia do PDR, artellando, definindo e orzamentando liñas estratéxicas que permitirán planificar eficazmente os recursos dos que se dispón, cun obxectivo final: un sector ecolóxico capaz de competir, en igualdade de condicións e cos seus propios medios, nun mercado cada vez máis globalizado e esixente.
A Agricultura Ecolóxica está cada vez máis identificada como elemento de sostemento da poboación rural, o seu modo de vida e o contorno onde se desenvolve.
Plan de Desenvolvemento da Agricultura Ecolóxica de Galicia 2008-2013 ( 12.924 Kb)

