
A Consellería do Medio Rural e do Mar busca a reorganización das estruturas agrarias para lograr explotacións viábeis, desenvolver o potencial das áreas rurais e dinamizar o ámbito rural dende unha perspectiva que incorpore os aspectos sociais e económico-produtivos. Incentívase a mobilidade de terras coa reforma e ordenación das estruturas agrarias, de xeito que a superficie útil abandonada sirva para aumentar a base produtiva.
Os procesos de concentración parcelaria xa en marcha estanse adaptando ao novo marco legal coa introdución dos plans de aproveitamento de cultivos e a adopción de medidas de protección do medio ambiente. Inclúen tamén medidas para evitar o abandono das terras.
As obras proxectadas desenvólvense con criterios de dinamización da base produtiva, co obxectivo de mellorar a calidade de vida da poboación.
No Plan Estratéxico de Infraestruturas do Medio Rural figuran proxectos de obras de infraestruturas de servizos básicos elementais, como abastecementos de auga domiciliaria, saneamentos, camiños agrícolas e pistas rurais, así como aqueles proxectos singulares que, pola súa natureza, entran nas competencias da Consellería do Medio Rural.
Os principais esforzos van dirixidos á creación e mellora da rede viaria, dos servizos básicos (abastecementos de auga, saneamentos e alumeados, entre outros) e á creación, mellora, consolidación e modernización dos regadíos.

